Posts Tagged ‘Quico Cadaval’

Lançamento de 22 Romances Inconclusos de Quico Cadaval

Abril 29, 2013
quico

Cadaval

Ediçóns do Trece tem o prazer de vos convidar ao lançamento dos “22 Romances Inconclusos” de Quico Cadaval, sétimo número do Lapis do Taberneiro, a colecçom literária mais libertina da Galiza. O livro é o compendio dos romances escritos polo autor em performance sem igual acontecida em 27 de Fevereiro no Café Bar Trece, promotora da colecçom, durante quase vinte horas de literatura ao vivo, transmitida na altura a través da rede. Os “22 Romances Inconclusos” recolhem o universo infindo do grande narrador oral de Ribeira, mestre da imaginaçom sem continente, que nesta ocasiom aposta por aquele conceito renascentista da terribilitá, que supom evitar-lhe ao leitor desenganados remates. Literatura de princípios escrita na taberna para ler na taberna, na que desfilam traficantes de diamantes, francotiradoras, karatekas eróticos, marinheiros sem destino, páxaros cromáticos, e outras espécies humanas que deliciaram a mente dos leitores e leitoras.

(more…)

Advertisement

22 Romances Inconclusos, unha performance do Quico Cadaval para OLT

Febreiro 26, 2013
Imaxe

Cadaval

Tras o adiamento da semana pasada, a colección “O Lapis do Taberneiro” ten o pracer de presentar a performance literaria do dramaturgo e contador Quico Cadaval, quen durante o día 27 de Febreiro, estará presente no Café Bar O Trece desde primeira hora da mañá até o último minuto do día escribindo o que será o sétimo número da colección. Acubillado na popular mesa do fondo da taberna, o autor terá por volta de quince horas para escribir “22 Romances Inconclusos” a partir das voces, ideas e visións que lle pasen polos miolos entre cafés, viños e tapas de xamón.

A performance será retransmitida en streaming a través da canle de You Tube “Grenlandia Ceibe”, ligada desde este evento a partir das nove da mañá e desde as contas no FB do propio autor e de Carlos Santiago, editor da colección impulsada polo Café Bar Trece.

Cadaval vén engrosar así a lista de autoras e autores da colección máis tabernaria da literatura galega, xunto de Mingolo Alborés, Raquel Miragaia, Carlos Meixide, Marga Alborés, Sechu Sende ou o propio Carlos Santiago. A colección, completamente esgotada nos seus anteriores números, vólvese relanzar coa aposta do autor ribeirán pola arte do relato instantáneo, nunha performance case warholiana: máis de 15 horas de escrita sobre a mesa dunha taberna.

Os “22 Romances Inconclusos” entrarán no prelo acto seguido e serán publicados nas vindeiras semanas.