Posts Tagged ‘Carlos Meixide’

Un gin tonic primaveral con Carlos Meixide

Maio 27, 2010

O autor

Logo da presentación o pasado 20 de Maio da cuarta entrega do Lapis do Taberneiro no Café Bar Trece, e pasadas as resacas propias dos grandes eventos tabernarios, falamos co autor de Primavera sobre a experiencia de mesturar o etílico co literario. Tras deixar o seu traballo televisivo en Onda Curta por razóns que el mesmo aclarou na gala dos Mestre Mateo deste ano, o noso home combate as inclemencias do paro cunha actividade cultural frenética por todo tipo de palcos e tribunas. Nós apañámolo nun momento de receso que deu para compartir un gin tonic nunha terraza calquera de Compostela.

(more…)

Advertisement

Primavera de Carlos Meixide

Maio 14, 2010

A novela en Calaméo

Xa ben andada a estación vai saír do prelo a cuarta entrega da indómita colección de novelas tabernarias editada polo Café Bar Trece e Edizer SCP, O Lapis do Taberneiro, desta volta asinada por Carlos Meixide, en veloz homenaxe desta primavera inestable na que moitas tabernas do país aproveitan o mínimo claro no ceo para ateigar a rúa de terrazas. Primavera é un relato inzado de humores e ironías no que a clientela dunha taberna celebra as temperaturas en alza e as primeiras raiolas da estación con profusión de alcoholes e parolas.

Carlos G. Meixide, escritor, xornalista e artista, suma así á súa carreira literaria esta pequena xoia narrativa onde volve botar man do diálogo áxil e brillante, como xa fixera na súa primeira novela, O Home Inédito, publicada por Edicións da Rotonda en 2005, unha historia de amor, humor e sexo ambientada no New York post 11-S. De New York a Compostela, o autor explora agora o agromar de emocións e pensamentos nunha taberna da zona vella, no primeiro día primaveral do Ano Xacobeo. Primavera é un retrato coral da vida urbana na capital galega, aberto a encontros inesperados e bebedeiras antolóxicas capaces de convocar a gargallada colectiva.

Como é xa tradición, a presentación de Primavera, integrada nas Festas Populares 2010 de Compostela, terá lugar o vindeiro xoves, día 20 de Maio, no Café Bar Trece, na Rúa de Santa Clara, contando coa presenza do autor e outros artistas convidados. O mesmo día será presentada tamén a segunda edición do primeiro número, o Acantinado de Carlos Santiago, que abría a colección do Lapis do Taberneiro a principios do 2009, esgotándose apenas nun mes e con máis de nove mil lecturas na rede. Tanto a Primavera de Carlos Meixide, o Décimo Terceiro Mês de Raquel Miragaia, os Trece Xogos de Mingolo Alborés, como esta segunda edición do relato de Carlos Santiago, encóntranse disponíbeis en libre distribución no site de publicacións Calaméo.