Posts Tagged ‘Café Bar Trece’

Lançamento de 22 Romances Inconclusos de Quico Cadaval

Abril 29, 2013
quico

Cadaval

Ediçóns do Trece tem o prazer de vos convidar ao lançamento dos “22 Romances Inconclusos” de Quico Cadaval, sétimo número do Lapis do Taberneiro, a colecçom literária mais libertina da Galiza. O livro é o compendio dos romances escritos polo autor em performance sem igual acontecida em 27 de Fevereiro no Café Bar Trece, promotora da colecçom, durante quase vinte horas de literatura ao vivo, transmitida na altura a través da rede. Os “22 Romances Inconclusos” recolhem o universo infindo do grande narrador oral de Ribeira, mestre da imaginaçom sem continente, que nesta ocasiom aposta por aquele conceito renascentista da terribilitá, que supom evitar-lhe ao leitor desenganados remates. Literatura de princípios escrita na taberna para ler na taberna, na que desfilam traficantes de diamantes, francotiradoras, karatekas eróticos, marinheiros sem destino, páxaros cromáticos, e outras espécies humanas que deliciaram a mente dos leitores e leitoras.

(more…)

Advertisements

22 Romances Inconclusos, unha performance do Quico Cadaval para OLT

Febreiro 26, 2013
Imaxe

Cadaval

Tras o adiamento da semana pasada, a colección “O Lapis do Taberneiro” ten o pracer de presentar a performance literaria do dramaturgo e contador Quico Cadaval, quen durante o día 27 de Febreiro, estará presente no Café Bar O Trece desde primeira hora da mañá até o último minuto do día escribindo o que será o sétimo número da colección. Acubillado na popular mesa do fondo da taberna, o autor terá por volta de quince horas para escribir “22 Romances Inconclusos” a partir das voces, ideas e visións que lle pasen polos miolos entre cafés, viños e tapas de xamón.

A performance será retransmitida en streaming a través da canle de You Tube “Grenlandia Ceibe”, ligada desde este evento a partir das nove da mañá e desde as contas no FB do propio autor e de Carlos Santiago, editor da colección impulsada polo Café Bar Trece.

Cadaval vén engrosar así a lista de autoras e autores da colección máis tabernaria da literatura galega, xunto de Mingolo Alborés, Raquel Miragaia, Carlos Meixide, Marga Alborés, Sechu Sende ou o propio Carlos Santiago. A colección, completamente esgotada nos seus anteriores números, vólvese relanzar coa aposta do autor ribeirán pola arte do relato instantáneo, nunha performance case warholiana: máis de 15 horas de escrita sobre a mesa dunha taberna.

Os “22 Romances Inconclusos” entrarán no prelo acto seguido e serán publicados nas vindeiras semanas.

Adiamento da performance do Quico Cadaval

Febreiro 20, 2013

Con moita pena de diversos órgaos, vémonos na circunstancia de adiar o evento da performance literaria no Café Bar Trece de Quico Cadaval, por circunstancias insalvables. Agradecémosvos a todas e todos a vosa boa recepción e quedamos comprometidos a vos convocar nunha data o máis inmediata posible. Con todo, o autor almorzará mañá na nosa querida taberna de Santa Clara para consolar a propios e estraños por este inesperado e inevitable adiamento. Por certo, como está a política?

22 Romances Inconclusos

Febreiro 19, 2013
Imaxe

Cadaval

A colección “O Lapis do Taberneiro” ten o pracer de presentar a performance literaria do dramaturgo e contador Quico Cadaval, quen durante o día 20 de Febreiro, estará presente no Café Bar O Trece desde primeira hora da mañá até o último minuto do día escribindo o que será o sétimo número da colección. Acubillado na popular mesa do fondo da taberna, o autor terá por volta de quince horas para escribir “22 Romances Inconclusos” a partir das voces, ideas e visións que lle pasen polos miolos entre cafés, viños e tapas de xamón.

A performance será retransmitida en streaming a través da canle de You Tube “Grenlandia Ceibe”, ligada desde este evento a partir das nove da mañá e desde as contas no FB do propio autor e de Carlos Santiago, editor da colección impulsada polo Café Bar Trece.

Cadaval vén engrosar así a lista de autoras e autores da colección máis tabernaria da literatura galega, xunto de Mingolo Alborés, Raquel Miragaia, Carlos Meixide, Marga Alborés, Sechu Sende ou o propio Carlos Santiago. A colección, completamente esgotada nos seus anteriores números, vólvese relanzar coa aposta do autor ribeirán pola arte do relato instantáneo, nunha performance case warholiana: máis de 15 horas de escrita sobre a mesa dunha taberna.

Os “22 Romances Inconclusos” entrarán no prelo acto seguido e serán publicados nas vindeiras semanas.

O Caçador de Bruxas, de Séchu Sende

Decembro 26, 2011

O Autor

Na beira do ano 2012, portador de agoiros apocalípticos e refundaçons sociais imprevisíveis, retorna ao mundo literário galego a colecçom mais tabernária da Galiza, com um novo número assinado desta volta por Séchu Sende com o título de O Caçador de Bruxas. A novela relata o encontro do narrador com um afiador emigrado nos Estados Unidos e precipitado pela história e a casualidade no meio da caça de bruxas empreendida pelo senador MacCarthy contra a industria do cinema dos anos 40 e 50. Um exercício de memória pessoal e política com a que Séchu Sende suma à sua carreira literária, junto a títulos como Made in Galiza ou Orixe, esta novela breve editada pelo Café Bar Trece e Edizer SCP, dentro do Lápis do Taberneiro, onde já têm publicado outros autores como Carlos Meixide, Raquel Miragaia, Marga Alborés, Carlos Santiago ou Mingolo Alborés.

O lançamento de O Caçador de Bruxas terá lugar na Terça Feira, dia 27 de Dezembro, às 21h., no Café Bar Trece, na Rua de Santa Clara de Santiago de Compostela. O acto contará com a presença do próprio autor e de outros convidados como Carlos Meixide e Marga Alborés que darám a alternativa a Séchu Sende dentro da colecçom. Lá vos esperamos numa nova jornada de vinhos e literatura, com o lápis na orelha.

Lóxica Borrosa de Marga Alborés

Setembro 30, 2010

A autora

Vanse debullando as castañas cos ventos do outono e a taberna reclama o seu lugar no calendario cultural cunha nova entrega do Lapis do Taberneiro, o esperado quinto conto da colección asinado por Marga Alborés, e que leva por título Lóxica Borrosa, nunha homenaxe velada á metafísica nacional inzada de borrascas entre a verdade e a falsidade. Lóxica Borrosa tráenos o instante en estado puro, a posibilidade mesma de vivir nun eterno momento inaugural, onde todas as derivas posibles se desatan nunha sucesión improbable de misterios e gargalladas. Varios parroquianos entregados ao empeño de escribir o guión da película definitiva, aquela na que todos os problemas atopan solución, parten á aventura nunha noite inverosímil onde o casual e o causal se confunden entre bares e conventos, cartografía propia do relato. Superheroes, viciosos dos comecartos, afeccionados á astroloxía, místicas en proceso de santificación, portas metadimensionais á volta da esquina, homes excéntricos e bebedores impenitentes participan nesta viaxe servida con verbo áxil por Marga Alborés.

A autora, mestra de profesión e escritora de longo alento, naceu en Serra de Outes e vive desde hai anos en Compostela, cidade da que pouco se lle escapa. Amante do viño e do carpe diem, Marga Alborés mesturou na súa andaina pola vida, cine e teatro, pedagoxía e literatura, arte e gastronomía, sempre disposta a enrolarse no próximo barco a partir. Con Lóxica Borrosa axusta contas con todo iso e máis, nun exercicio literario que sen dúbida entusiasmará aos seguidores da colección máis tabernaria da literatura galega.

A presentación, prevista para hoxe, día 30 de Outubro, ás oito e media da noite no Café Bar 13, contará coa intervención de numerosos amigos e artistas, como Carlos Meixide, Tomás Lijó, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval ou Carlos Santiago, que acompañarán á autora no seu bautismo no xénero do relato etílico. Entre viños e para facer as honras entrevistámonos onte con ela no Café Bar Trece, promotor xunto a Edizer SCP, do Lapis do Taberneiro.

(more…)