Vanse debullando as castañas cos ventos do outono e a taberna reclama o seu lugar no calendario cultural cunha nova entrega do Lapis do Taberneiro, o esperado quinto conto da colección asinado por Marga Alborés, e que leva por título Lóxica Borrosa, nunha homenaxe velada á metafísica nacional inzada de borrascas entre a verdade e a falsidade. Lóxica Borrosa tráenos o instante en estado puro, a posibilidade mesma de vivir nun eterno momento inaugural, onde todas as derivas posibles se desatan nunha sucesión improbable de misterios e gargalladas. Varios parroquianos entregados ao empeño de escribir o guión da película definitiva, aquela na que todos os problemas atopan solución, parten á aventura nunha noite inverosímil onde o casual e o causal se confunden entre bares e conventos, cartografía propia do relato. Superheroes, viciosos dos comecartos, afeccionados á astroloxía, místicas en proceso de santificación, portas metadimensionais á volta da esquina, homes excéntricos e bebedores impenitentes participan nesta viaxe servida con verbo áxil por Marga Alborés.
A autora, mestra de profesión e escritora de longo alento, naceu en Serra de Outes e vive desde hai anos en Compostela, cidade da que pouco se lle escapa. Amante do viño e do carpe diem, Marga Alborés mesturou na súa andaina pola vida, cine e teatro, pedagoxía e literatura, arte e gastronomía, sempre disposta a enrolarse no próximo barco a partir. Con Lóxica Borrosa axusta contas con todo iso e máis, nun exercicio literario que sen dúbida entusiasmará aos seguidores da colección máis tabernaria da literatura galega.
A presentación, prevista para hoxe, día 30 de Outubro, ás oito e media da noite no Café Bar 13, contará coa intervención de numerosos amigos e artistas, como Carlos Meixide, Tomás Lijó, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval ou Carlos Santiago, que acompañarán á autora no seu bautismo no xénero do relato etílico. Entre viños e para facer as honras entrevistámonos onte con ela no Café Bar Trece, promotor xunto a Edizer SCP, do Lapis do Taberneiro.
Citemos para comezar, se che parece Margarita, a un mestre do relato breve. Jorge Luis Borges fabulou no Aleph a idea de que todo o universo cabe nun dos seus infinitos puntos, será logo que o universo cabe nunha taberna?
Habería que preguntarlle ao propio Borges, pero tampouco penso que dixese moito porque pouco frecuentaba as tabernas, aínda que na Esquina Rosada xa demostrou que si, que o universo cabe nunha taberna, non había de caber, se na taberna hai sitio para todo.
Lóxica Borrosa é a historia dunha banda de parroquianos empeñados en facer unha película que resolva de vez todos os problemas. Vese que a literatura vai sendo o último refuxio da utopía.
Non é o último, é o único. Pero pese aos desvelos do Capitán Plusvalía, protagonista da película disposto a axudar a humanidade a librarse de si mesma, paréceme que o conto vai ser difícil de amañar. Despois de todo na Lóxica Borrosa o importante non é o fin senón o impulso inicial, despois depende de onde che leve o vento. Na Lóxica Borrosa sabes onde empezas pero nunca onde vas acabar.
Extraterrestres, portas metadimensionais, místicas arrebatadas, homes misteriosos á espera dalgún acontecemento extraordinario… vén sendo Marga Alborés a última mística ou máis ben unha eterna amante do misterio?
Aí pilláchesme, pero como dicía Felipito, o de Mafalda, non te preocupes que mañá xa o consulto e xa che digo. O que quero dicir é que para nada son merecedora de tal título sobre todo cando estamos ás portas de descubrir a gran mística galega, Flavia Antonia do Campo e Andrade, fundadora do convento do Carme de Arriba, protagonista tanxencial do relato. Non tiven ocasión aínda de empaparme da súa literatura, pero todo se andará. O importante é que a santificación de Flavia Antonia está na súa última fase e falta só que se produza un milagre que a confirme como santa, milagre ao que dalgunha maneira dou o meu apoio con esta novela tabernaria. Eu non son quen de atar os cordóns dos seus zapatos, apenas son heraldo da que virá ou ha de vir, que non é o mesmo pero é parecido.
Abrazaches logo a fe católica con esta novela?
En absoluto. Unha cousa é o misticismo e outra ben distinta os abrazos confusos.
O teu é o quinto conto do LdT, e ademais no teu caso constitúe saga co relato do teu irmán Mingolo, autor de Trece Xogos. Entre os Alborés e Don Francisco Añón confírmase Outes como capital galega da literatura tabernaria?
Totalmente de acordo. A partir de agora escoitarase falar moito dos Machados galegos, tanto en sentido literal como figurado. Con Don Francisco, claro, sempre presente.
Etiquetas: Café Bar Trece, Galiza, Lápis do Taberneiro, Lóxica Borrosa, Literatura, Marga Alborés, Santiago
Deixar unha resposta